Saturday 20 de April de 2024

As festas de San Xoán culminan mañá coa queima da falla, na que participará o Hockey Club Liceo


A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e representantes do laureado equipo coruñés farán arder o conxunto escultórico xa instalado na praia de Riazor a partir das 00.00 horas e o programa pecharase na explanada do Palacio dos Deportes co concerto de Miss Caffeina

A falla está protagonizada este ano por efixies da alcaldesa xunto coaactriz María Casares e a escritora Emilia Pardo Bazán, e non faltarán as homenaxes ás persoas seguidoras do Deportivo e unha simbólica despedida das máscaras da pandemia da COVID

O Concello da Coruña está xa a despregar todos os preparativos para o día grande da programación das Festas de San Xoán, que culminará mañá xoves co grande espectáculo das fogueiras na praia de Riazor, a tradicional queima da falla na praia de Riazor e os concertos de Los Mecánicos e Miss Caffeina.

O programa de actividades comezará pola mañá, con actividades familiares a partir das 11.30 horas no Campo da Leña. Organizaranse xogos populares e desenvolveranse obradoiros de herbas de San Xoán e unha actuación teatral de Pakolas, titulada “Ramona Órbita, a dona do tempo”. As actividades dirixidas a público infantil están a acadar un grande éxito, con máis de 1.000 rapazas e rapazas participantes nos obradoiros de decoración de sardiñas e as sesións de contacontos que se están a celebrar durante toda a semana en distintos barrios da cidade e conclúen hoxe nas prazas de Mariñeiros e da Tolerancia a partir das 18.00 horas.

Os pratos fortes da programación
A programación da tarde comezará coa apertura do acceso ás praias para prender asfogueiras, a partir das 19.00 horas. O encargado de animar o primeiro tramo da Noite Meigaserá o grupo coruñés Los Mecánicos, a partir das 22.30 horas na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, e o prato forte será o concerto da banda Miss Caffeina, na mesma localización a partir das 00.30 horas. A formación está este verán presentando o seu último disco, ‘El año del tigre’, por todo o territorio nacional.

Miss Caffeina subirá ao escenario xusto despois do acto culminante da tradición festeira de San Xoán, a queima da falla na praia de Riazor, prevista para as 00.00 horas, que comezará cunha sesión de fogos de artificio e contará coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e representantes do Hockey Club Liceo, que se acaba de proclamar campión da OK Liga. Como simbólica homenaxe a este laureado equipo, que xa conseguiu o seu oitavo título, a alcaldesa levará no seu cinto unha fibela co escudo do Liceo. As mulleres serán este ano as grandes protagonistas da falla, un conxunto escultórico que reunirá a efixie da alcaldesa coa de mulleres senlleiras na historia da Coruña ás que a cidade lles rende homenaxe, no caso da actriz María Casares polo centenario do seu nacemento, e da escritora Emilia Pardo Bazán, tras cumprirse o centenario do seu falecemento o pasado ano. Tampouco faltarán a despedida simbólica das máscaras que marcaron a pandemia da COVID ou o tributo ás fieis persoas seguidoras do Deportivo da Coruña.

O maior dispositivo de seguridade da historia da cidade
En previsión da masiva afluencia de público tanto ás praias como ás festas dos barrios, o Concello da Coruña despregou un importante dispositivo de seguridade, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento desta xornada festiva. Ademais, mañá xoves celebrarase o concerto de Alejandro Sanz no Coliseum, o que requirirá de persoal municipal extraordinario.

Os dispositivos de seguridade implicarán a 662 persoas. Isto supón que o dispositivo de seguridade deste San Xoán será o maior da historia desta celebración na cidade. Os efectivos repartiranse entre 149 axentes da Policía Local, 65 persoas do corpo de Bombeiros, 44 de Protección Civil e haberá tamén máis de 50 vixiantes contratados para os accesos ás praias. O dispositivo complétase co persoal de limpeza e a novidade dos Puntos Violeta, que estarán operativos ata as 4.00 horas do 24 de xuño.